Saturday 18 de May de 2024

Máis de 500 deportistas participarán este sábado na XV Copa Cidade da Coruña de Taekwondo


 

O concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego, presentou esta mañá en María Pita a tradicional proba organizada pola Escola Garrapucho, a Federación Galega de Taekwondo e o concello

O concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego, presentou esta mañá en María Pita a décimo quinta edición da Copa Cidade da Coruña de Taekwondo, organizada pola Escola Garrapucho, a Federación Galega de Taekwondo e o concello, que este sábado reunirá no Coliseo máis de 500 participantes que competirán nas categorías de alevín, infantil, cadete, júnior, sénior, máster 1 e 2.

A entrada será gratuíta e realizarase, como todos os anos, unha recollida de alimentos en favor da Cociña Económica. A cita deportiva dividirase en xornada de mañá, de 9.00 a
14.00 horas, e de tarde de 15.00 a 20.00 horas.

O edil de Deportes agradeceulles ás persoas organizadoras o traballo que realizan desde o club para potenciar a disciplina do taekwondo na cidade e, quixo facer fincapé de maneira especial no “compoñente social que leva asociado”. Borrego convidou a todas e todos os coruñeses a asistir ao evento deportivo e achegarlle o seu gran de area a unha causa social tan importante como a Cociña Económica.

Pola súa banda, Pedro Rodríguez, representante do Club Garrapucho, explicou que a proba coruñesa outorga a máxima puntuación RG3 no ránking galego para as clasificatorias nacionais, e que esperan que máis de 2.000 persoas se acheguen este sábado ao Coliseo para gozar dun torneo no que participan ademais de clubs galegos, clubs de Asturias, Baleares, Castela-León e Portugal.

Na presentación da proba estiveron tamén a vicepresidenta da Federación Galega de Taekwondo, Esperanza Melián, e o director da Escola de Artes Marciais Garrapucho, José Luis Garrapucho Cermeño.